As actuacións céntranse na zona norte do polígono, na contorna de firmas como Extrugasa, Exlabesa e Urovesa, co obxectivo de continuar coa modernización das infraestruturas de comunicación do principal núcleo industrial e económico de Valga. Facilitarase así o transporte de mercadorías e o desprazamento diario dos traballadores.
O proxecto adecúa a rede viaria ás necesidades xurdidas polo incremento da actividade empresarial. A área, de 450.000 metros cadrados, está vertebrada pola estrada autonómica PO-548 e alberga cinco grandes empresas.
Os traballos inclúen a mellora da drenaxe co acondicionamento de cunetas e novos sumidoiros, o asfaltado de dúas rúas e o reforzo da seguridade viaria con nova sinalización. Unha das rúas asfaltadas vai ata a fábrica de Extrugasa pasando polo Belén Artesanal, e a outra sitúase entre as instalacións deportivas municipais e a planta de Urovesa.
O orzamento total das obras é de 142.962,60 euros, financiado polo Concello de Valga cunha subvención da Consellería de Economía e Industria da Xunta, dentro dunha orde de axudas para a mellora de infraestruturas en parques empresariais galegos.




