Estes fondos proceden do Plan +Provincia, que este ano destina ao municipio un total de 1,4 millóns de euros. Esta cifra inclúe os 830.000 euros correspondentes ao exercicio de 2026 e un adianto de 580.000 euros da liña de investimentos prevista para 2027.
A intervención na Igrexa de Santo Tomás, cun orzamento próximo aos 50.000 euros, centrarase na iluminación exterior do templo e da súa contorna. O proxecto contempla a instalación de catro báculos con proxectores e a substitución da actual tecnoloxía fluorescente por un sistema de iluminación indirecta mediante tiras led.
Pola súa banda, a construción da pasarela peonil sobre o río Bermaña contará cun investimento superior aos 25.000 euros. Esta infraestrutura metálica facilitará a conexión entre o paseo da Tafona e a rúa Sarnadela, mellorando o acceso ao futuro Fogar do Maior que se situará nesta zona.




