A iniciativa do Goberno local de Caldas de Reis busca revitalizar unha superficie de case 1.500 metros cadrados nas proximidades da praia fluvial do Umia. O obxectivo é establecer un punto de encontro e lecer que promova hábitos saudables entre a veciñanza e os visitantes de todas as idades, aproveitando os espazos ao aire libre.
O proxecto contempla a instalación dun circuíto de calistenia, equipado con aparellos homologados para a práctica de diversos exercicios, incluíndo banco inclinado, barras paralelas, barras para dominadas, prensa de peito, escaleira sueca e barra de bandeira humana. Ademais, crearase unha zona específica para xogar ao voleibol, con dous postes ancorados e unha matraca tensora para regular a rede.
“"Este é un proxecto continuísta, que impulsamos co propósito de continuar coa recuperación da contorna dos nosos ríos. É un lugar emblemático para os nosos veciños e veciñas, que tamén dá a benvida ás persoas que chegan á nosa vila entrando pola Ponte da Ferrería."
Ademais das novas instalacións deportivas, a actuación incluirá a limpeza das escaleiras de acceso ao río Umia e o mantemento xeral da contorna. O orzamento total para este proxecto ascende a 35.189,75 euros (IVE incluído), e estímase un prazo de execución de dous meses unha vez finalizado o proceso de licitación.
O alcalde, Jacobo Pérez, subliñou a importancia de seguir investindo en espazos gratuítos ao aire libre que fomenten a práctica deportiva, destacando que “O deporte é saúde”. Tamén mencionou outras iniciativas recentes do seu mandato, como a inauguración do Parque do Maior e a renovación das pistas polideportivas de A Tafona, que seguen esta mesma liña de mellora dos espazos públicos.




