A campaña busca implicar á cidadanía na prevención e erradicación da violencia machista, convertendo os espazos públicos do municipio en lugares de sensibilización. Os retratos das 16 persoas, que inclúen mozos, adultos e xente da terceira idade, así como profesionais de diversos ámbitos como o educativo ou o asociativo, repártense en carteis por toda a vila.
O alcalde, Jacobo Pérez, e a concelleira de Igualdade, Rocío Ferro, presentaron a iniciativa, destacando que o obxectivo é que a xente da vila se vexa reflectida e participe activamente. A mensaxe principal é clara: as violencias machistas son un problema de toda a sociedade e todas e todos debemos dar a cara contra elas.
As fotografías, en branco e negro cunha estética ligada ao 25N, buscan sensibilizar tanto á cidadanía de Caldas de Reis como aos visitantes. A acción céntrase na prevención e erradicación da violencia machista, promovendo unha sociedade baseada na igualdade, o respecto e a liberdade.
Entre as persoas que participan na campaña atópanse Amor Herrera (música e escritora), Juan Puente (xubilado), José Aragundo (empresario), Ana Ferro (estudante e deportista), María Jabois (empresaria), Javier Penido (director da Banda de Música), Charo Moreira (presidenta da Asociación de Mulleres Santa Mariña), Ana García (directora CPI Afonso VII), José Luís Goldar (hostaleiro), Sesi Roquiño (hostaleiro e locutor), Lucía Rivas (futbolista), Julio García (Mestres de cociña), Carmelo Goldar (fotógrafo), Ekaterina Rebón (taekwondista do Club Número Phi), ademais da concelleira Rocío Ferro e o alcalde Jacobo Pérez.
Esta campaña é o eixo central da programación do Concello para o 25N, que xa incluíu talleres para alumnado de ESO, a exposición ‘Chicas nuevas 24HRS’ de Mabel Lozano e a obra de teatro ‘As R(H)umorosas’. Ademais, o Auditorio Municipal acollerá dúas proxeccións o 22 de novembro (18.00 horas) para o público xeral e o 23 de novembro (11.30 horas) para o alumnado.




