A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, fixo entrega hoxe dunha nova vivenda pública no centro histórico de Betanzos ao seu adxudicatario, unha persoa menor de 36 anos. O inmoble, situado na rúa Pinche, foi rehabilitado pola Xunta e o beneficiario abonará un alugueiro mensual de 177,7€.
Con esta nova adxudicación, a Administración autonómica xa suma un total de vinte vivendas entregadas en Betanzos, procedentes da rehabilitación de 15 inmobles adquiridos a través do Plan Rexurbe. O investimento total neste plan na localidade ascende a case 5 millóns de euros, que inclúen a adquisición dos inmobles, proxectos e obras.
A conselleira Allegue destacou a calidade destas intervencións, que ademais de facilitar novos fogares con cualificación pública permanente, buscan promover a revitalización dos centros históricos. Subliñou a colaboración coas administracións locais para este fin.
Recordou tamén que a Xunta está a impulsar medidas para facilitar o acceso á vivenda, como o incremento dos limiares de renda ata catro veces o Iprem (4,5 para familias numerosas). Ademais, reservouse o 30% da nova vivenda en réxime de compra-venda para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos, sumándose á reserva do 40% para alugueiro e do 25% para compra a menores de 36 anos.




