A corporación municipal de Curtis aprobou por unanimidade a convocatoria dunha mesa de negociación urxente. O obxectivo é abordar o futuro do Grupo Losán, reunindo á empresa, representantes dos traballadores, a SEPI, a Xunta de Galicia e os concellos de Curtis e Vilasantar. Ademais, o concello participará na concentración convocada polo comité de empresa o vindeiro 23 de abril en Curtis para apoiar a continuidade da industria na comarca.
Este acordo plenario, froito dunha moción do BNG e unha emenda transaccional do Grupo Popular, reafirma o compromiso unánime da corporación municipal do pasado 5 de xaneiro. Tamén destaca as xestións realizadas polo concello ante o Ministerio de Industria, a SEPI e a Xunta.
Os traballadores non piden condicións fóra de mercado, simplemente queren cobrar o que se lles debe e volver aos seus postos.
A moción solicita á SEPI que valide o plan de viabilidade e asegure o cumprimento dos apoios públicos. Á Xunta, como autoridade competente en materia industrial, pídeselle que lidere a convocatoria deste foro de diálogo, especialmente despois de que a dirección da empresa manifestase formalmente a súa disposición a participar, segundo un comunicado do concello.
A situación do Grupo Losán, con plantas en Curtis e Vilasantar e sede social na Coruña, é de "extrema urxencia". Máis de 200 familias da provincia da Coruña enfróntanse ao impago de ata cinco nóminas e á incerteza pola paralización da actividade industrial desde hai meses.




