O prazo para presentar as solicitudes de permiso abrirase a vindeira semana, e será necesario facelo cunha antelación mínima de 72 horas antes da data prevista para a celebración da fogueira. No caso de que as fogueiras se realicen en propiedades privadas, non se requirirá unha autorización expresa, aínda que si será obrigatorio comunicalo previamente ao Concello dentro do mesmo prazo.
As solicitudes e comunicacións deberán tramitarse obrigatoriamente a través da sede electrónica municipal. As datas autorizadas para a realización destas fogueiras son os días 12, 13, 19, 20, 23, 24, 26 e 27 de xuño de 2026.
O Consistorio tamén lembra que todas as fogueiras deberán rematar como máximo ás 02:00 horas da madrugada e que, durante o seu desenvolvemento, deberán respectarse os límites de emisión sonora establecidos pola normativa municipal vixente.
En canto á seguridade, faise fincapé na necesidade de manter unha distancia adecuada respecto a vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos ou telefónicos e zonas con vexetación susceptible de arder. As fogueiras non poderán superar os tres metros de altura nin os tres metros de diámetro.
Queda terminantemente prohibida a queima de materiais perigosos ou contaminantes, como pneumáticos, aceites, plásticos ou calquera outro residuo tóxico que poida xerar riscos para a saúde ou o medio ambiente. Cando as fogueiras se realicen sobre superficies asfaltadas, pavimentadas ou pintadas de titularidade pública, será obrigatorio protexer o chan cunha capa de area de polo menos dez centímetros de espesor para evitar danos no pavimento.
Ademais, os organizadores deberán dispoñer de medios axeitados para a extinción de incendios e garantir a vixilancia permanente do lume ata a súa completa extinción. O Concello advirte que, en caso de rexistrarse fortes refachos de vento ou condicións meteorolóxicas adversas, a fogueira deberá suspenderse ou apagarse de forma inmediata.
Dende o Goberno local fan un chamamento á responsabilidade cidadá para que estas celebracións tradicionais poidan desenvolverse con normalidade e con todas as garantías de seguridade para as persoas, os bens e a contorna.




