A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Aranga, Alberto Platas, destacou o compromiso do Goberno galego coa preservación do medio ambiente e a mellora da calidade de vida cidadá durante unha visita á Casa do Concello. Alí, grazas a unha achega de case 30.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental competitivo do 2025, renovouse a carpintaría exterior. Ademais, anunciou que o Concello recibirá máis de 36.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental non competitivo do 2026 para o acondicionamento exterior do mesmo edificio.
Belén do Campo tamén se referiu a outras dúas axudas deste fondo recibidas polo municipio. No 2025, case 36.500 euros da liña non competitiva destináronse ao acondicionamento exterior da Omix (Oficina de Información Xuvenil) de Aranga, actuación xa executada. Para o 2026, aprobáronse case 30.000 euros da liña competitiva para a mellora da envolvente do anexo ao CEIP Castellana.
A representante do Goberno autonómico subliñou que entre o 2025 e 2026, a este Concello fóronlle aprobadas axudas por valor de máis de 132.500 euros, procedentes das dúas liñas do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) —competitiva e non competitiva—. Estas liñas permiten impulsar proxectos útiles e duradeiros para mellorar a calidade ambiental e o benestar veciñal, segundo sinalou a delegada.
A renovación da carpintaría exterior da Casa Consistorial, que acolle oficinas municipais, Servizos Sociais e unha aula de informática, supuxo un investimento de case 30.000 euros. A instalación de novas fiestras con mellores prestacións térmicas busca reducir perdas de calor no inverno e limitar a entrada de calor no verán, diminuíndo así o consumo enerxético. A axuda de case 30.000 euros da liña non competitiva para o acondicionamento e pintura exterior do inmoble xa foi aprobada.
A visita tamén serviu para supervisar as obras de acondicionamento exterior da Omix, que incluíron o revestimento térmico da fachada. Belén do Campo incidiu en que estas actuacións demostran o compromiso da Xunta coa modernización das infraestruturas municipais e co uso racional da enerxía.
A delegada lembrou que o Fondo de Compensación Ambiental 2025 distribuíu en Galicia 9,2 millóns de euros. Na provincia da Coruña, o ano pasado, a liña non competitiva contou con máis de 2,2 millóns para 49 beneficiarios e a competitiva con case 700.000 euros para 26. Na comarca de Betanzos, as axudas non competitivas ascenderon a case 126.000 euros para 5 concellos, mentres que na liña competitiva beneficiáronse 5 concellos por preto de 174.000 euros.
Respecto á liña competitiva do FCA 2026, xa resolta, beneficiaron a máis dun cento de entidades locais en Galicia. Na provincia da Coruña, 23 entidades recibiron case 615.000 euros. Na comarca de Betanzos, 4 municipios obtiveron preto de 110.000 euros. A liña non competitiva, dotada con 6 millóns en Galicia, aprobou na comarca de Betanzos axudas por preto de 125.000 euros para 5 concellos.




