O proxecto de cooperación “Desenvolvemento do Enoturismo nas IXP de Viño de Galicia”, impulsado polos Grupos de Desenvolvemento Rural e a Asociación das IXP de Viños de Galicia, presenta unha estratexia común para dar a coñecer os viños e os territorios das cinco Indicacións Xeográficas Protexidas vitícolas galegas: Barbanza e Iria, Val do Miño-Ourense, Betanzos, Ribeiras do Morrazo e Terras do Navia.
Baixo a filosofía da campaña “Viños que falan de nós”, esta iniciativa pretende fomentar o enoturismo, dar a coñecer a diversidade dos viños galegos e contribuír ao crecemento económico das zonas participantes mediante unha oferta turística de calidade, sostible e diferenciada.
Os itinerarios deseñados son a Ruta dos Viños Mareiros (Barbanza e Iria), a Ruta dos Viños con Esencia de Río (Val do Miño-Ourense), a Ruta dos Viños da Biosfera (Betanzos), a Ruta dos Viños Oceánicos (Ribeiras do Morrazo) e a Ruta dos Viños entre Montañas (Terras do Navia).
Para aumentar a visibilidade das IXP e das súas adegas, crearase un 'Pasaporte' común, unha guía divulgativa, materiais promocionais, contidos audiovisuais, unha plataforma web compartida e unha rede de colaboradores.
Como parte da acción promocional, organizaranse cinco 'Xornadas Enoturísticas das IXP de Viños de Galicia' de balde. Estas xornadas incluirán presentacións dos itinerarios, visitas guiadas, catas comentadas e degustacións de produtos locais. O calendario de eventos comeza o martes 16 de xuño no Pazo de Goiáns (Boiro), seguido polo luns 22 de xuño no Pazo de Trasalba (Amoeiro), o luns 29 de xuño no Pazo de Mariñán (Bergondo), o venres 3 de xullo no Mosteiro de Poio e rematará o luns 13 de xullo na Casa do Cazador (Negueira de Muñiz).
A inscrición nestes eventos realízase a través dun formulario dispoñible na páxina web dos Viños da IXP de Galicia.
O proxecto está promovido polos Grupos de Desenvolvemento Rural Pontevedra-Morrazo (coordinador), Deloa, Mariñas-Betanzos, Ardecou, Salnés-Ulla-Umia e Montes e Vales Orientais, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia e outros axentes territoriais. Conta co financiamento do FEADER, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER).




