Representantes do Concello de Curtis mantiveron unha xuntanza co director de Augas de Galicia, Roi Fernández, á que tamén asistiron o presidente da Entidade Urbanística de Conservación do Polígono Industrial Curtis-Teixeiro, Luis González, e persoal técnico. Na reunión abordouse a situación da presa da Castellana, unha infraestrutura esencial para o abastecemento de auga ao polígono industrial de Teixeiro.
Durante o encontro, analizáronse as intervencións necesarias, como o dragado do encoro e o incremento da súa capacidade de almacenamento, co obxectivo de garantir o servizo de abastecemento de auga. A problemática da acumulación de sedimentos, que reduciu de forma notable o volume útil da presa, fíxose especialmente patente durante o episodio de seca dos últimos meses, que levou á Xunta a declarar a prealerta por escaseza de auga na cunca do río Mandeo.
Como resultado da xuntanza, o Concello de Curtis mellorará a súa proposta inicial coas indicacións recibidas, formulando unha proposta de actuación urxente. Esta demanda de dragado, limpeza e aumento da capacidade da presa xa fora acordada por unanimidade polos empresarios do polígono o pasado mes de setembro, sumándose o Concello de Curtis a esta petición compartida.




