O anuncio foi realizado pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante unha visita á zona, onde estivo acompañada polo alcalde, Francisco Charlín. O departamento autonómico redactará este ano o proxecto para definir as actuacións específicas.
O plan integrará os intereses ambientais co mantemento de aproveitamentos tradicionais sostibles. Incluirá medidas de control da vexetación, restauración do sistema dunar e dos seus hábitats, recuperación da flora e fauna local, e a eliminación de especies invasoras.
Tamén se actuará sobre a desaugadura natural para recuperar a dinámica hídrica, evitar inundacións e ampliar a lámina de auga, ademais de mellorar o uso público e a experiencia dos visitantes.
Esta actuación de mellora ambiental na Lagoa de Traba está incluída no Plan de restauración de humidais impulsado polo Goberno galego e no que prevé investir 4,65 millóns de euros a través de distintas intervencións programadas en zonas húmidas das catro provincias galegas que se executarán de aquí ao ano 2028.
A Lagoa de Traba é un ecosistema clave para moitas especies de aves e forma parte dos 646 espazos naturais deste tipo inventariados en Galicia, que se sitúa como a cuarta comunidade española con máis zonas húmidas na lista Ramsar.




