A directora xeral de Promoción da Igualdade, Eloína Ingerto, visitou as instalacións do campamento de verán de Ponteceso, situado na Fundación Eduardo Pondal. A iniciativa, organizada pola Asociación Casa da Muller co apoio do Concello, conta coas axudas do Plan Corresponsables da Xunta, cofinanciado polo Ministerio de Igualdade.
Este plan permite a gobernos locais, entidades e asociacións poñer en marcha ou reforzar servizos como o coidado profesional de menores en espazos públicos, campamentos, programas de madrugadores, obradoiros lúdicos ou actividades culturais. A Xunta destina este ano un total de 7,4 millóns de euros ao desenvolvemento de programas de conciliación en toda Galicia.
Campamentos como o de Ponteceso ofrecen alternativas de lecer aos máis pequenos durante as vacacións, á vez que se facilita a conciliación familiar. Ademais, a iniciativa fai fincapé na igualdade a través de xogos, obradoiros e contacontos que abordan cuestións como a diversidade familiar e cultural, o respecto ás diferenzas, a inclusión e os dereitos das persoas Lgtbiq+.




