A organización ecoloxista Adega, que impugnou o parque eólico Bustelo xunto coa Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC), manifestou que a sentenza do Tribunal Supremo coñecida o pasado venres non resulta "determinante" para futuros contenciosos neste ámbito. O fallo estima os recursos presentados pola Xunta, pola promotora Greenalia e pola Asociación Eólica de Galicia contra a sentenza previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulaba a autorización do proxecto.
O proxecto fora obxecto de impugnación, principalmente, polas "carencias" na súa avaliación ambiental e por unha suposta "fragmentación artificiosa" de proxectos relacionados (Campelo, Bustelo e Monte Toural), promovidos nos concellos de Coristanco, Santa Comba e Carballo, segundo recorda Adega.
Nun comunicado remitido aos medios, a asociación ecoloxista subliña que a sentenza "non valida a práctica" da Xunta no que respecta ás avaliacións ambientais e autorizacións dos parques. "Senón que censura que a Sala autonómica non argumentase debidamente as carencias na avaliación ambiental que determinarían a súa insuficiencia". Esta é unha valoración que estenden á sentenza previa sobre Campelo, xa que este novo fallo reproduce e ratifica o contido da anterior, datada o 21 de marzo de 2025. "Non veñen a supoñer a lexitimación de todas as autorizacións outorgadas pola Xunta de Rueda nin o tan repetido ‘desbloqueo’ do sector", alega a entidade.
En ambos os casos, e en contra da argumentación do TSXG, o Supremo incide en que o feito de que dous ou máis proxectos compartan instalacións de conexión non implica, por si só, a existencia dun único parque a efectos da súa avaliación ambiental. Neste sentido, Adega conclúe que é na "insuficiencia ou deficiencia" das avaliacións de impacto ambiental onde deberá fundamentarse a suposta existencia de fragmentación artificiosa.
A entidade detalla que nas numerosas autorizacións eólicas recorridas que aínda están pendentes de fallo puxeron de manifesto a "insuficiencia" desas avaliacións e a "consecuente deficiencia" das declaracións de impacto ambiental (DIA). "Polo tanto, á vista desta doutrina xurisprudencial do Tribunal Supremo, corresponderalle á Sala autonómica, unha vez se reanude a tramitación dos procesos, determinar a validez ou invalidez desas avaliacións e a existencia, cando proceda, de fragmentación fraudulenta de proxectos", conclúe a organización ecoloxista.




