A praza de abastos de Carballo foi o escenario este sábado dunha campaña promocional da Xunta de Galicia baixo o lema "Quere o teu mercado". A iniciativa busca realzar o valor das prazas de abastos como espazos de confianza e calidade. Os praceiros e praceiras luciron novos mandís corporativos e distribuíronse bolsas promocionais entre os clientes como agradecemento á súa fidelidade.
A Concellaría de Feiras e Mercados presentou ademais a programación especial de verán do Plan de Dinamización do Mercado, que se desenvolverá entre xuño e agosto co obxectivo de encher de vida e propostas de lecer este espazo municipal. A axenda estival comezará coincidindo coas festas de San Xoán, coa xornada "Petiscos de San Xoán" o xoves 18 de xuño, que incluirá unha degustación gratuíta de produtos típicos. Ao día seguinte, o venres 19, sortearase unha gran cesta con produtos frescos doados polos distintos postos.
Durante xullo, cada compra no mercado outorgará unha tarxeta tipo "rasca" con premios directos como gorras, discos voadores ou mochilas isotérmicas. Ademais, o 2 de xullo celebrarase a charla "A túa pel ten memoria, protéxea cada día", impartida por Iria Villar, técnica de prevención da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), centrada na prevención do cancro de pel.
O mes de agosto estará dedicado a experiencias de maridaxe organizadas polo Bar Mercado. O día 7 haberá unha cata de cervexas e o día 21, outra de cafés, utilizando os produtos da praza como acompañamento. Para participar nestas actividades, os clientes deberán solicitar os seus boletos coas compras realizadas en calquera dos postos.




