A iniciativa rexistrada no Parlamento galego solicita á Xunta de Galicia a elaboración dun censo obxectivo e actualizado da poboación de xabarís na comarca, así como a adopción inmediata de medidas para paliar os prexuízos que estes animais ocasionan nas explotacións agrarias. Ademais, o BNG pide un incremento das axudas económicas destinadas ás persoas damnificadas.
Segundo o deputado Óscar Insua, gandeiros de Cabana de Bergantiños e Dumbría manifestan estar "fartos das desfeitas destes animais e de traballar para os xabaríns", cualificando a situación de "descontrolada" e alertando de que os danos "van a máis".
Desde a formación nacionalista sinalan que as accións implementadas ata o momento pola Consellería de Medio Ambiente tiveron impacto nalgúns tecores de Bergantiños, pero non na Costa da Morte, onde non se declarou a emerxencia cinexética o pasado ano. Apuntan tamén que estas medidas xeraron desacordos entre a Federación Galega de Caza, asociacións ecoloxistas e a propia Xunta, en parte "por non ter feito un estudo obxectivo e real sobre a poboación".
"Non podemos permanecer impasibles ante a ineficacia do sistema actual", advertiu Insua, quen subliñou a responsabilidade das institucións competentes para "determinar medidas máis axeitadas e eficaces" que controlen as poboacións de xabarís e minimicen o impacto no sector primario.
O deputado lamentou que "a Xunta non pode esperar a que a situación empeore". Engadiu que "acaba de sementarse o millo e xa están atacando os cultivos", e que algúns gandeiros xa esgotaron as axudas, que cualifica de "irrisorias", debido a que os ataques comezaron hai meses. "O PP non pode mirar para outro lado, ten que actuar xa, canto antes", concluíu.




