A iniciativa enmárcase no proxecto de cooperación Pesca Saúde, unha proposta financiada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA). A actividade conta coa colaboración do GALP Costa da Morte e ten como obxectivo revalorizar os produtos pesqueiros e o labor dos profesionais do sector.
Durante a xornada, os asistentes poderán presenciar a elaboración de diversas receitas e participar en degustacións. Ademais, o proxecto inclúe sorteos para aquelas persoas que depositaran os seus tíckets de compra nas urnas habilitadas, así como a distribución de vales de desconto de 5 euros que se poden utilizar en peixerías adheridas ata o 31 de xullo.
O programa Pesca Saúde estende a súa actividade máis aló dos eventos puntuais. A través da iniciativa Come o mar, come saúde, diversos establecementos hostaleiros ofrecen menús baseados en produtos de tempada. Así mesmo, a partir de setembro, o proxecto porá en marcha obradoiros de batchcooking para facilitar a organización das comidas semanais mediante o uso de bases culinarias saudables.




