A Xunta investirá 2,5 millóns na Lagoa de Traba

O proxecto integral de restauración ambiental na Lagoa de Traba, en Laxe, executarase entre 2027 e 2028.

Imaxe aérea dunha lagoa costeira en Galicia con dunas e vexetación.
IA

Imaxe aérea dunha lagoa costeira en Galicia con dunas e vexetación.

A Xunta de Galicia destinará preto de 2,5 millóns de euros a un proxecto integral de restauración ambiental na Lagoa de Traba, situada no Concello de Laxe, cunha execución prevista entre 2027 e 2028.

O anuncio foi realizado pola conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, durante unha visita á zona, onde estivo acompañada polo alcalde, Francisco Charlín. O departamento autonómico redactará este ano o proxecto para definir as actuacións específicas.
O plan integrará os intereses ambientais co mantemento de aproveitamentos tradicionais sostibles. Incluirá medidas de control da vexetación, restauración do sistema dunar e dos seus hábitats, recuperación da flora e fauna local, e a eliminación de especies invasoras.
Tamén se actuará sobre a desaugadura natural para recuperar a dinámica hídrica, evitar inundacións e ampliar a lámina de auga, ademais de mellorar o uso público e a experiencia dos visitantes.

Esta actuación de mellora ambiental na Lagoa de Traba está incluída no Plan de restauración de humidais impulsado polo Goberno galego e no que prevé investir 4,65 millóns de euros a través de distintas intervencións programadas en zonas húmidas das catro provincias galegas que se executarán de aquí ao ano 2028.

A Lagoa de Traba é un ecosistema clave para moitas especies de aves e forma parte dos 646 espazos naturais deste tipo inventariados en Galicia, que se sitúa como a cuarta comunidade española con máis zonas húmidas na lista Ramsar.