A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), conclúe que non se prevén efectos adversos significativos sobre a contorna, sempre que se cumpran os condicionantes fixados no informe ambiental e nos demais documentos avaliados.
O proxecto, promovido polo Complexo Turístico Nordés, SL, ocupará unha superficie de 14.766 metros cadrados e incluirá 20 cabanas de madeira (15 dun dormitorio e 5 de dous), unha zona de acampada, área de aparcadoiro para caravanas e instalacións de servizos como supermercado, lavandería e baños comunitarios, ademais de ocio con piscina e parque infantil.
O informe de impacto ambiental (IIA) foi elaborado tras someter a documentación a participación pública e consultar a sete organismos interesados. As avaliacións consideran viable o proxecto, establecendo condicionantes para a protección da atmosfera, poboación, saúde, augas, solo, patrimonio natural e cultural, así como para a integración paisaxística e xestión de residuos.
Esta aprobación ambiental non exime ao promotor de obter todas as autorizacións e licenzas legalmente esixibles. A resolución foi remitida á Axencia de Turismo de Galicia e hoxe faise pública a través do DOG e da páxina web da Consellería.




