O secretario xeral da Lingua, Valentín García, acompañado polo alumnado do colexio Canosa-Rus, en Coristanco, participou hoxe nun obradoiro de xogos de mesa en galego. Esta iniciativa, apoiada pola Xunta, busca potenciar os centros educativos como "espazos de socialización, máis alá das aulas e das horas lectivas, onde prestixiar o uso da lingua galega".
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude subliñou que estas propostas "inciden en impulsar o galego como lingua vehicular nas actividades extraescolares e de conciliación". Estas accións enmárcanse no novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado recentemente no Parlamento de Galicia.
Segundo explicou Valentín García, a iniciativa desenvolverase en varios centros de ensino de toda a Comunidade. O obxectivo é que os escolares disfruten do seu tempo de lecer con xogos de mesa en galego, deseñados polo proxecto Brazolinda, que buscan fomentar a observación, aprendizaxe, comunicación e razoamento entre os máis novos.
O eido da Educación é un dos piares do novo Plan da lingua, que inclúe máis de 700 medidas para prestixiar o galego. Dentro do ámbito educativo, preto de 100 accións céntranse nos centros, con iniciativas de teatro, radios escolares, deporte e outras propostas de ocio educativo.




