O Concello da Laracha continúa coa súa labor de promoción da memoria local cunha nova publicación dedicada á historia e evolución da educación no municipio. A obra será escrita polo escritor e documentalista arteixán Xabier Maceiras.
O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura, Patricia Bello, reuníronse co autor para definir os contidos e as necesidades de documentación. Maceiras fixo un chamamento á colaboración cidadá, solicitando testemuños, información e fotografías antigas relacionadas coa actividade educativa no municipio. As persoas interesadas en colaborar poden contactar co autor a través das súas redes sociais ou do correo electrónico xabimaceirasrodriguez@gmail.com.
Esta será a terceira publicación de Maceiras por encargo do Concello da Laracha. Anteriormente, realizou 'As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño' e un traballo centrado no sector madeireiro, que será editado proximamente. Ademais, o autor xestiona o blog 'Crónicas da Laracha' coa colaboración do Concello e publicou outros dous libros sobre a memoria local: 'Os bailes dos avós' e 'Cen anos de fútbol en Arteixo e A Laracha'.




