O titular da carteira sanitaria da Xunta, Antonio Gómez Caamaño, presentou hoxe no Hospital de Barbanza o balance dos 20 anos das unidades móbiles de resonancia magnética da Consellería de Sanidade. Durante este período, o modelo pioneiro permitiu realizar máis de 364.000 resonancias e beneficiou a máis de 230.000 pacientes. O acto contou coa presenza do director xeral de Atención Primaria e Comunitaria, Salvador Mariño-Ageitos, e dos xerentes de Galaria e da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza.
A primeira unidade móbil deste tipo comezou a funcionar no Hospital de Barbanza en 2006, centro onde xa se realizaron 49.110 resonancias. Actualmente, o departamento sanitario conta con catro unidades de última xeración que prestan servizo aos hospitais comarcais das sete áreas sanitarias de Galicia, realizando cada unha unha media de 7.600 resonancias anuais. Estas unidades ofrecen unha ampla carteira de exploracións, desde resonancias convencionais ata técnicas diagnósticas máis avanzadas, cuxas imaxes son interpretadas por radiólogos en coordinación cos hospitais.
O conselleiro destacou que o servizo permite aos pacientes realizar as probas no seu propio hospital, sen desprazamentos adicionais, o que resulta especialmente beneficioso para persoas maiores, con dificultades de mobilidade ou que requiren acompañamento. Como exemplo da eficiencia do modelo, Gómez Caamaño sinalou que o servizo permitiu aforrar preto de 40 millóns de quilómetros en desprazamentos e evitar a emisión de máis de 6.000 toneladas de CO2.




