Esta cita, que serve como anticipo da concentración principal de setembro, busca dinamizar social e economicamente o municipio despois da Semana Santa. O concelleiro de Deportes, Álex Vidal, eloxiou a entidade organizadora por poñer en valor esta disciplina deportiva, destacando a calidade dos seus espectáculos e probas.
“"Cando fan estas quedadas sempre teñen algunha actividade lúdico-deportiva, traen grandes espectáculos, fan probas para todo os asistentes e, un ano máis, consolídanse como un club referente, non só de Ribeira e da comarca do Barbanza, senón tamén a nivel autonómico e, incluso, nacional."
Pola súa banda, o concelleiro de Festexos, Fernando Abraldes, subliñou a importancia desta quedada para Ribeira e agradeceu a Os Reventapistóns a súa excelente planificación. A xornada comezará ás 11:30 horas con música a cargo de Cabina DJ, seguida dunha sesión vermú arredor das 12:30 horas nos bares da contorna da praza.
Ás 14:00 horas, os asistentes poderán gozar dun xantar a base de churrasco, cun prezo de 3 euros por ración, e tamén haberá unha Food Truck. A tarde estará chea de actividades, incluíndo o concurso Motos a cegas ás 15:45 horas, onde os participantes deberán identificar motocicletas polo tacto e o son. Ás 17:15 horas, dará comezo unha ruta mototurística pola zona.
O programa tamén inclúe un espectáculo romperrodas ás 18:30 horas, a actividade Reventa Trompeta ás 19:00 horas, e diversas probas como a carreira de lentos, salchicha colgante e ruído ás 19:20 horas. A quedada culminará cos sorteos de agasallos, cortesía de Deza Racing Padín, ás 20:00 horas.




