A partir do mércores 9 de setembro e ata o 21 de xuño de 2027, o Concello da Pobra do Caramiñal porá en marcha os servizos Madruga e Comedor. Estes servizos, presentados pola concelleira de Igualdade, Estefanía Ramos, e a técnica municipal Carolina Rodríguez, buscan facilitar a conciliación familiar e laboral.
Para acceder a ambos os programas, é imprescindible presentar unha ficha de inscrición completa e asinada. As familias que necesiten o servizo dende o primeiro día deberán entregar a documentación antes do venres 4 de setembro. Para usos esporádicos, a inscrición poderá realizarse en calquera momento, cunha antelación mínima de dous días hábiles.
A ficha de inscrición pode presentarse de forma telemática a través da sede electrónica, presencialmente no Servizo de Igualdade, ou directamente ao monitorado unha vez iniciado o curso. Os servizos poden solicitarse por mes completo, medio mes, días soltos ou de maneira puntual.
Os prezos varían segundo o mes e a duración da estadía. En setembro e xuño, o custo mensual será de 8,40 euros (ata unha hora) e 11,20 euros (máis dunha hora). Os días soltos custarán 2 euros (ata unha hora) e 2,50 euros (máis dunha hora). Durante o resto do curso, o mes completo ascende a 12 euros (ata unha hora) e 16 euros (máis dunha hora), mentres que os medios meses custarán 8 e 12 euros respectivamente. Os días soltos manteñen o prezo de 2 e 2,50 euros.
Establécese unha bonificación do 50% na matrícula para o segundo irmán ou irmá, e gratuidades para o terceiro. Para máis información, os interesados poden contactar co Servizo de Igualdade no teléfono 981 832 764 (extensión 6) ou no correo electrónico igualdade@apobra.gal.
Estes servizos contan co cofinanciamento do Plan Corresponsables, dependente do Ministerio de Igualdade.




