A deputada nacionalista solicitou formalmente ao Servizo Galego de Saúde que atenda aos representantes da Plataforma, quen levan máis dunha semana encerrados no Hospital do Barbanza. O obxectivo é que a administración escoite as súas demandas e aborde a "situación crítica" que atravesa a sanidade na comarca.
Desde o BNG lembran que xa transcorreron 818 días desde a primeira solicitude de encontro co xerente da área e co director do hospital. As súas reivindicacións inclúen "cuestións tan básicas" como o incremento do persoal médico e a implementación de listas de agarda transparentes, que inclúan as segundas consultas con especialistas.
A formación nacionalista rexistrou no Parlamento de Galicia unha emenda á súa Proposición non de Lei, coa que busca dotar de persoal médico os centros de saúde e o hospital comarcal. Nesta emenda, instan especificamente ao Sergas a recibir os representantes da Plataforma para "trasladarlles información detallada sobre as listas de agarda reais do centro" e sobre as medidas previstas para a súa redución.
Ademais desta iniciativa, a proposición do BNG tamén contempla a cobertura estable de todas as prazas de médicos nos centros de saúde, a ampliación dos horarios dos Puntos de Atención Continuada (PAC) e a dotación de máis especialistas no hospital comarcal. Segundo os nacionalistas, a atención sanitaria na comarca agravouse nos últimos meses, evidenciado pola saturación do PAC de Ribeira, que actualmente debe atender parte da poboación de Porto do Son durante as fins de semana.




