O Centro de Formación, Innovación, Emprego e Emprendemento do Concello de Boiro, situado no parque empresarial de Espiñeira, será o escenario da III Feira de Emprego do Barbanza. A xornada, que comezará ás 09:20 horas, está deseñada para fomentar o talento e a dinamización económica da comarca.
Durante o evento, que se desenvolverá nunha única xornada, haberá foros para empresas, charlas especializadas e actividades de orientación laboral. Entre as propostas máis innovadoras inclúense un simulador de carretilla elevadora e servizos de maquillaxe e fotocurrículo.
A primeira mesa, titulada «Benestar laboral, absentismo e inspección de traballo», contará coa moderación de Juancho Armental, do grupo Arestora. Participarán María Teresa Pedrosa, inspectora de traballo da Coruña; María Quintana Pérez, directora xeral de Promoción da Igualdade; e Juan Carlos Rama, director de Recursos Humanos de Corporación Empresarial Congalsa. Debaterase sobre a mellora da produtividade e a importancia do benestar no ámbito laboral.
A segunda mesa, «Oficio e beneficio? Orientación profesional, universidade vs. FP, emprego público vs. emprego privado», será moderada por María Mercedes Argibay, xefa do departamento FOL do IES Leiladoura. Intervirán Silvia Doce, directora de becas Feuga; María Mariño, técnica de Recursos Humanos do Concello de Boiro; e Zeltia Lado, directora xeral de Formación e Cualificación para o Emprego. Abordaranse as distintas opcións de formación e as saídas profesionais.
«Branding que conecta» é o título da terceira mesa, que explorará como o branding pode diferenciar empresas, xerar confianza e atraer talento. Paola González Garzón, graduada en Comunicación Social e Xornalismo, moderará este debate. Contará coa participación de Víctor Oujo, de Vimanstyle; Antón Freire, de Kracia Cooperativa de Márketing; e Miguel Ángel Souto, docente da área de marketing de Galicia Bussines School.
Finalmente, a mesa «Experiencias inspiradoras no camiño de emprender» ofrecerá exemplos reais de emprendemento na comarca. Moderada por Tomás Estévez, xerente da Asociación Boirense de Empresas, contará coas intervencións de Diana Torrado, Family Banker en Banco Medolanum; Lola García Sánchez, de Seguros García Sánchez; e Rosa Tubío, da libraría de Rosa (Nobel Boiro). As inscricións para participar están dispoñibles na web municipal www.boiro.gal.




