A comitiva, composta maioritariamente por participantes procedentes de Francia, foi recibida polo alcalde e presidente do ente mancomunado, José Carlos Vidal, xunto á xerente da entidade, Fátima Cachafeiro, concelleiras e representantes de Northmarinas. Tras unha visita guiada pola vila, o obxectivo é que os peregrinos "coñezan o territorio e se convirtan en prescritores", segundo manifestou Cachafeiro.
Posteriormente, celebrouse unha recepción institucional seguida dunha cea no restaurante Sisal, distinguido co selo Sicted. Durante o evento, puxéronse en valor os produtos frescos e en conserva da zona, maridados con viños da IXP Terras do Barbanza e Iria.
A travesía El Camino a Vela busca dar a coñecer a navegación sustentable na costa norte peninsular, así como a cultura e gastronomía de cada localidade. Promove un xeito diferente de realizar o Camiño de Santiago e busca atraer navegantes.
Nesta edición, o foco está nas profesións azuis, co fin de achegar ás novas xeracións as oportunidades que ofrece o mar a través da plataforma dixital BluePath. A comitiva iniciou a súa viaxe o 9 de xuño en Hondarribia e chegará mañá a Santiago de Compostela.
A estancia en Barbanza Arousa representa unha das etapas finais desta peregrinación xacobea, permitindo aos participantes coñecer de primeira man o patrimonio, a cultura e a gastronomía da rexión.




