A conselleira do Mar, Marta Villaverde, defendeu no Pleno do Parlamento de Galicia que a Xunta actúa con "rigor, con garantías e en base a criterios técnicos" na tramitación do proxecto industrial da mina de Touro. Subliñou que a iniciativa "unicamente será autorizada se se acredita que é plenamente viable, tanto desde o punto de vista técnico como ambiental".
En resposta a unha pregunta da oposición, a titular de Mar recalcou que non se pode anticipar ningunha resolución administrativa. "Na fase actual nin se pode dar por autorizado o proxecto nin se pode dicir que vai ser descartado. O que corresponde é deixar que o procedemento avance e que os informes técnicos e ambientais determinen se cumpre ou non cos requisitos necesarios", salientou Villaverde.
A responsable autonómica mostrou respecto polos colectivos contrarios ao proxecto, pero remarcou que o debate público "debe sustentarse en información oficial e contrastada". Neste sentido, desmentiu "categoricamente" a veracidade dun documento difundido por plataformas opostas á explotación, ao que a oposición lle quixo outorgar carácter oficial. "Non é un informe da Consellería do Mar. Non ten nin data, nin sinatura que acredite a súa autoría, e o seu contido dista moito do que realmente manexa este departamento", clarificou.
Durante a súa quenda de réplica, a conselleira emprazou á oposición a traballar a prol do sector marítimo-pesqueiro galego, instando a reclamar ao Goberno central medidas urxentes para aliviar a súa situación.
Villaverde denunciou que o Executivo central segue sen aplicar a bonificación das cotas da Seguridade Social ás persoas mariscadoras nin convocou as axudas polos temporais de comezos de ano, a pesar de declararse Galicia como zona gravemente afectada. Tamén reclamou axudas directas suficientes fronte á suba do combustible para a frota, con bonificacións máis altas e axustadas ao consumo real, similares ás doutros países europeos.




