A nova edición do programa Arzúa+Concilia–Verán 2026 xa ten as súas bases publicadas. Esta iniciativa municipal ten como obxectivo principal facilitar a conciliación da vida familiar, laboral e persoal dos veciños e veciñas de Arzúa, ao mesmo tempo que proporciona aos nenos e nenas un espazo seguro e enriquecedor.
O servizo desenvolverase nas instalacións do CEIP de Arzúa, estendéndose desde o 22 de xuño ata o 4 de setembro. Contará con once quendas semanais, para as cales se require un mínimo de quince inscritos por cada unha. O programa está dirixido a menores nacidos entre os anos 2014 e 2022, ambos os dous incluídos.
O horario de funcionamento será de 10:00 a 14:00 horas, con opción de entrada anticipada entre as 8:00 e as 10:00 horas, e saída ampliada entre as 14:00 e as 15:00 horas, adaptándose así ás necesidades das familias.
“"Os servizos municipais de conciliación son fundamentais para que as familias poidan organizar mellor o seu día a día, especialmente durante as vacacións escolares, cando moitas veces resulta difícil compatibilizar as obrigas laborais coas responsabilidades familiares e de coidado."
A responsable municipal de Igualdade subliñou a importancia destes programas, non só como unha alternativa de lecer, senón como un espazo seguro, educativo e de convivencia onde os nenos e nenas poden aprender, participar e gozar do verán nun ambiente coidado e acompañado.
As familias interesadas poden consultar as bases completas, os criterios de acceso e a documentación necesaria na páxina web oficial do concello, arzua.gal. Nesa mesma plataforma estarán dispoñibles os anexos para a inscrición, cuxo prazo se abrirá o vindeiro luns e permanecerá activo ata o día 15 deste mes. As listaxes de solicitudes admitidas e excluídas, xunto coa resolución dos menores seleccionados, tamén se publicarán na devandita web.




