A localidade de Arzúa celebrou este sábado unha emotiva homenaxe a Xulio Vázquez Carril, coñecido popularmente como ‘O Gaitero de San Miguel’. O acto principal consistiu no nomeamento oficial da Casa da Cultura co seu nome, recoñecendo así a súa achega á conservación e transmisión da cultura popular galega a través da música tradicional.
Familiares do homenaxeado, representantes do Concello, músicos vinculados á tradición e numerosos veciños e veciñas de Arzúa participaron nesta xornada. Destacouse a figura de Carril como un elemento "fondamente ligado á identidade cultural arzuá e á memoria musical de Galicia".
“"Esta Casa da Cultura levará o nome de Xulio Vázquez Carril. Non podía ser doutro xeito. Xulio foi un veciño que dedicou toda a súa vida a conservar a nosa música tradicional, a promovela e a dala a coñecer alí por onde pasou."
O alcalde, Xoán Xesús Carril, subliñou a importancia de que as institucións recoñezan o labor de persoas como Xulio Vázquez Carril, quen dedicou a súa vida á preservación do patrimonio cultural galego. Tamén interviron familiares e Carlos Rodríguez Osorio, catedrático e compañeiro de Carril no grupo musical.
A xornada contou coa participación musical de agrupacións como Fol da Chousa Vella de Santiso, Santiaguiños de Boimorto e Fiadeira de Melide. A homenaxe concluíu co descubrimento dunha placa conmemorativa encargada expresamente á prestixiosa fábrica de cerámica de Sargadelos.
Xulio Vázquez Carril, natural de Arzúa e vencellado á parroquia de Maroxo, recuperou a gaita na súa xubilación, converténdose nun referente. A súa relación musical e persoal con Carlos Rodríguez Osorio e outros músicos deu lugar ao grupo Os Gaiteiros de San Miguel. Tamén foi clave na transmisión do toque tradicional coñecido como “ao pechado”.




