Organizadas pola asociación cultural O Tangaraño, en colaboración con Galiportuspodcast, estas xornadas, que tiveron a súa orixe en Xinzo de Limia, chegan agora ás terras do Arnoia. A impulsora do evento, Rochi Nóvoa, destacou que o obxectivo é dar protagonismo á palabra, tanto escrita como oral, especialmente na súa expresión artística, sen esquecer outros ámbitos de interese.
A programación comezará o sábado 18 ás 11:30 horas coa recepción dos participantes, seguida da palestra “Allariz e Ponte da Limia. Vidas Paralelas”, que afondará nas similitudes entre ambas as vilas, irmandadas o ano pasado. Posteriormente, Aritmar ofrecerá unha ponencia sobre a fusión da poesía e a música galega e portuguesa.
“"Unhas xornadas onde teña peso a palabra, tanto escrita coma oral a través das súas expresións, especialmente a artística."
O eido gastronómico tamén terá un papel relevante, especialmente o sábado, cun xantar popular que incluirá caldo verde e arroz con bacallau. Os interesados en participar deberán realizar a súa reserva a través da páxina web de O Tangaraño. A sesión vespertina do sábado incluirá unha ponencia sobre a labor veciñal, “Vox Populi: Mudalo todo, Altri e As Conchas”, que abordará o proceso de paralización dun proxecto considerado por moitos como inviable. Ademais, haberá un club de lectura e unha actuación musical para pechar a xornada. Outra cita destacada será a ponencia de O Zoco Gz sobre a “Identidade e compromiso ao servizo da cultura galega”.
O domingo 19 iniciarase cun roteiro cultural de dúas horas e media, “Tras os pasos de Sta. María na Galiza e Portugal”. Ás 13:00 horas, celebrarase un recital poético que combinará vermú e natas, marcando o peche oficial das xornadas en Allariz.
As xornadas, que segundo Rochi Nóvoa “naceron da vinculación da Limia con Portugal”, regresarán á Casa da Cultura de Xinzo de Limia o 23 de abril. A partir das 18:00 horas, a localidade limiá acollerá unha tarde dedicada á palabra e á gastronomía, coa presentación do libro Sempre abril e unha degustación de mel ecolóxico e natas portuguesas.




