A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas deu luz verde á execución destes traballos, que foron adxudicados á empresa Explotacións Medioambientais, S.L.U. A intervención enmárcase no Plan Hurbe, unha iniciativa da Xunta para colaborar cos concellos na mellora de contornas urbanas e a dotación de equipamentos públicos.
O obxectivo principal é transformar a rúa Vázquez Estévez nun espazo máis cómodo, seguro e accesible para os peóns. As obras contemplan a reordenación do viario para priorizar o tránsito peonil, limitando o tráfico rodado unicamente aos residentes e vehículos de emerxencia. Tamén se incluirá a renovación do pavimento, a mellora da accesibilidade e a eliminación de barreiras arquitectónicas, reforzando así a seguridade viaria.
Ademais, o proxecto prevé a delimitación das zonas de aparcadoiro, a renovación completa das redes de saneamento e abastecemento de auga, así como a instalación de novos puntos de iluminación pública para mellorar a visibilidade e a estética da rúa.
Segundo o convenio subscrito entre a Xunta e o Concello de Arbo, a Administración autonómica asumirá o 70% do investimento total, mentres que o Concello achegará o 30% restante e será o responsable do posterior mantemento das infraestruturas.




