A Garda Civil de Tui abriu investigacións a dúas persoas no municipio pontevedrés de Arbo por presuntos delitos contra a saúde pública. As actuacións saldáronse coa incautación de 19 plantas de cannabis localizadas en dúas leiras diferentes durante o mes de agosto.
A primeira intervención produciuse o pasado 12 de agosto tras ter coñecemento os axentes da posible existencia de plantas de marihuana nun terreo próximo a unha vivenda. Alí, un residente de 24 anos recoñeceu ser o propietario das plantas, que cultivaba para consumo propio. Tras a súa autorización, os gardas civís accederon á leira e interviron 15 plantas de grandes dimensións, con alturas de entre 150 e 250 centímetros.
O home foi citado como investigado non detido por un presunto delito de cultivo ou elaboración de drogas. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Ponteareas.
Nunha segunda operación, tamén en Arbo, os axentes localizaron catro plantas de marihuana de menor tamaño (entre 50 e 100 centímetros). A propietaria identificada foi unha muller de 22 anos, natural das Neves, quen manifestou que dúas plantas eran súas e as outras dúas pertencían ao seu mozo, e que ambas as cultivaban para consumo persoal.
O material intervido foi trasladado ao cuartel da Garda Civil de Arbo para a súa posterior análise. A muller tamén foi citada como investigada non detida por un presunto delito contra a saúde pública.




