O equipamento, cun custo de 71.390 euros (IVE incluído), foi entregado por Pablo Loureiro, representante de BAYGAR, S.L., empresa adxudicataria do subministro. Esta adquisición forma parte dun proxecto municipal de adquisición de maquinaria para a protección do medio ambiente, financiado cunha subvención de 78.869,23 euros do Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia para o ano 2026, concedida ao Concello por contar con aeroxeradores no seu termo municipal.
O proxecto tamén inclúe a compra de sete desbrozadoras de man, adxudicadas á empresa Maquinaria Agrícola Carpintero, S.L. por 6.310,15 euros (IVE incluído), que reforzarán os traballos de limpeza de maleza e a capacidade de resposta dos servizos municipais.
O novo lavacontedores, modelo BAY-50, é un sistema autónomo de limpeza con auga a presión integrado nun remolque homologado. Ten capacidade para lavar simultaneamente dous colectores de 240 e 360 litros, e individualmente os de 800 e 1.100 litros. Dispón dun sistema programable, bomba de alta presión (50 l/min, 150 bares), depósitos de auga de 400 e 200 litros, sistema de recollida de augas sucias con catro fases de filtrado e un cadro eléctrico automatizado.
O Alcalde Luis Piña destacou que "a incorporación deste equipamento permitirá reforzar a limpeza periódica dos colectores de lixo, unha tarefa fundamental para mellorar a hixiene, reducir os malos cheiros e evitar os problemas derivados da acumulación de restos orgánicos, especialmente durante os meses de máis calor".




