A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, abriu esta mañá as xornadas que se estenden ata mañá no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago de Compostela. O evento, HispaRob Robtoa: Cultura robótica, forma parte da European Robotics Week, a principal campaña europea de divulgación neste sector.
A apertura contou coa conferencia inaugural de Cristina Aranda, consutora tecnolóxica especializada en dixitalización, big data e intelixencia artificial. A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou a importancia destes encontros para afondar nos desafíos dunha sociedade cada vez máis tecnificada, onde a innovación e a creatividade son fundamentais.
O programa Polos Creativos da Xunta, implantado en todos os centros educativos galegos de Infantil, Primaria e Secundaria, permite ao alumnado aplicar o coñecemento científico de forma práctica. Estes espazos están equipados con robótica e material tecnolóxico adaptado a cada etapa, contribuíndo á promoción das vocacións STEM (Ciencias, Matemáticas e Enxeñaría).
Durante as dúas xornadas, os docentes do colexio Gregorio Sanz de Ribadeo, xunto cos de Louro (Muros), Atios (Valdoviño) e Miraflores (Oleiros), expoñen as súas experiencias nos respectivos polos creativos. O programa inclúe tamén mesas redondas sobre robótica accesible e creatividade na era da IA, así como talleres de robótica en vivo.




