A programación cultural de Ribadeo para os vindeiros días de agosto está conformada por música, presentacións de libros e actividades infantís. A concelleira de Cultura, Begoña Sanjurjo, destacou que a cultura non colle vacacións neste mes.
En canto á música, haberá concertos diversos: a Real Filharmonía de Galicia actuará o día 13 e Yulianna Avdeeva o 17 dentro do Festival Bal y Gay. Tamén actuará o pianista ribadense Guillermo Cruzado o día 14 e Carlos Nuñez o 16. Ademais, os mércores, como xa é tradición, o ciclo Rock by me volverá a Cabanela os días 19 e 26.
Ribadeo tamén acollerá a presentación de varios libros. O día 13 presentarase “Presagio” de Juan de Oñate, acompañado de Rafa Latorre. O día 18 será a quenda do libro sobre os Irmáns Moreno Ulloa. O día 20 presentaranse “El valor de un emigrante” de Margarita Pérez Alonso e a análise dos acuíferos de Blanca Parga. Non se esquece a homenaxe ao pintor ribadense Xusto Moreda, que terá lugar o venres 21.
Sanjurjo engadiu que tamén haberá actividades infantís dentro da Trastenda dos Contos, que terán lugar os martes 11 e 18. "Vémonos nas actividades culturais", concluíu.




