O Concello de Barreiros pechou a primeira quenda de obradoiros do proxecto “Vivir o Mar”, unha iniciativa que achegou aos escolares hábitos de vida saudables mediante o consumo de produtos pesqueiros locais e a práctica de actividade física no litoral. Case medio cento de rapaces dos colexios do concello participaron activamente nas actividades propostas.
O proxecto promove un modelo de benestar integral entre a poboación infantil e xuvenil con obradoiros educativos nos colexios do municipio. A rapazada participou en contidos sobre alimentación saudable, actividade física e o coñecemento do litoral como espazo de benestar e de sostibilidade. Para o desenvolvemento das xornadas convidáronse a persoeiros do municipio e da contorna que contaron a súa propia experiencia.
Os obradoiros tiveron lugar nos colexios de San Cosme e de San Miguel de Reinante. O cociñeiro Javier Montero, do Colectivo Gastronómico da Mariña, ensinoulles aos máis pequenos a cociñar pescada de Celeiro en papillote. Pola súa banda, a ximnasta rítmica e investigadora Candela Martínez Bobo, subcampiona de España, compartiu a súa experiencia co deporte co alumnado de 1º e 2º de primaria.
Ademais dos obradoiros, o estudantado participou na primeira edición dun certame escolar sobre hábitos de vida saudable, que recibiu 27 propostas. O proxecto, financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Xunta de Galicia, conta cun orzamento de 35.446,95 euros.
Para o vindeiro ano, o proxecto ten previsto participar na “Carreira das Praias” e deseñarase un percorrido adaptado á participación infantil e xuvenil, acompañado de sesións preparatorias nos centros educativos.




