O prazo de presentación de candidaturas para o II Certame de Teatro Afeccionado do Concello de Barreiros rematou coa inscrición de 26 obras. Esta cifra, que supera amplamente as expectativas, evidencia o crecente interese que a iniciativa espertou no ámbito do teatro afeccionado.
Entre as solicitudes recibidas atópanse propostas de compañías das catro provincias galegas, ademais de sete obras procedentes doutras comunidades autónomas. O concelleiro de dinamización, Dani García, sinalou que "con este abano de posibilidades o certame gozará dunha ampla variedade de xéneros e temáticas o que fará unha edición especialmente diversa e chamativa".
O comité de selección será o encargado de elixir as 7 obras que se representarán os sábados entre xaneiro e marzo de 2027 no centro sociocultural de San Cosme e nos colexios vellos de San Miguel. Os asistentes poderán participar na votación do premio especial do público, mentres que o xurado valorará o resto de galardóns.
Nas próximas xornadas darase a coñecer o nome das obras seleccionadas e as datas exactas das representacións.




