A programación deseñada polo Concello de Viveiro para conmemorar o Día Mundial da Infancia, que se celebra o 20 de novembro, pon o foco na participación infantil e xuvenil, a sensibilización e o lecer. As actividades inclúen a participación de representantes da mocidade viveirense no XIV Foro Galego de Participación Infantil e Adolescente, un obradoiro de creación audiovisual sobre corresponsabilidade e unha xornada de actividades infantís no Pavillón Antonio Tarrío.
O venres 20 de novembro, tres representantes do Grupo de Participación Xuvenil Contra a Marea, acompañados por Lorena Mera, responsable da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX), e pola alcaldesa, Mariña Gueimunde, asistirán ao XIV Foro Galego de Participación Infantil e Adolescente no Parlamento de Galicia. Esta iniciativa, organizada por UNICEF Comité Galicia, enmárcase no programa Cidades Amigas da Infancia. Un dos mozos exercerá de voceiro para defender o dereito á igualdade, á inclusión e á non discriminación.
Tamén o venres 20 de novembro, desenvolverase no Espazo Xove de Viveiro a primeira parte dun obradoiro de sensibilización sobre a corresponsabilidade a través da creación audiovisual, dirixido á mocidade e enmarcado no Programa Corresponsables. Baixo o lema «Achégate co teu móbil e crea a túa curta», os participantes poderán usar o audiovisual para reflexionar sobre a corresponsabilidade.
A programación continuará o sábado 21 de novembro cunha tarde de actividades infantís no Pavillón Antonio Tarrío, de 17:00 a 20:00 horas. A xornada contará con inchables, láser tag (recomendado a partir dos 9 anos) e obradoiros, recuperando propostas de lecer previstas para o Samaín.




