Este monumento natural, tamén coñecido como eucaliptal de Chavín, é un dos puntos máis emblemáticos do municipio debido á singularidade de albergar un rodal de eucaliptos de grandes dimensións plantados entre 1880 e 1912. Entre eles destaca O Avó, considerado o máis alto de Galicia.
O paso do tempo, xunto con enfermidades fúnxicas e pragas de insectos defoliadores xa controladas, provocou que moitos destes exemplares se atopen en mal estado e representen un perigo. Por este motivo, o espazo foi pechado ás visitas hai case dous anos e agora será obxecto dunha intervención en profundidade.
As tarefas, que están a piques de comezar por parte da Consellería de Medio Ambiente, teñen como obxectivo principal sanear o Souto da Retorta para garantir o seu futuro e a conservación a longo prazo dos exemplares máis singulares. Para iso, considérase necesario reducir a densidade excesiva do eucaliptal mediante a tala selectiva das árbores que presenten risco de caída de ramas ou dos propios eucaliptos.
“"A intención é preservar cantos máis exemplares mellor. Durante a realización dos traballos farase unha avaliación adicional in situ do estado sanitario de cada un deles co obxectivo de retirar cantos menos mellor."
Nos lugares onde se retiren estes eucaliptos de grandes dimensións, a Xunta levará a cabo actuacións complementarias de restauración. Estas consistirán na repoboación das zonas con vexetación propia dos bosques de ribeira, promovendo a recuperación progresiva dos hábitats naturais asociados, en liña co Plan de conservación do monumento natural e os obxectivos da Rede Natura 2000.
Os traballos de retirada dos eucaliptos enfermos ou danados realizaranse en dúas fases, e ao termo de cada unha delas procederase á repoboación con vexetación autóctona de ribeira. Ademais, levaranse a cabo tarefas de conservación nos eucaliptos singulares que se atopen en boas condicións estruturais e sanitarias, respectando especialmente a O Avó e o grupo de grandes eucaliptos que o rodean.
Un estudo de resistencia estrutural realizado a O Avó revela que o estado do durame é sólido e non presenta risco de rotura, polo que se traballará no seu mantemento e conservación. Como medida de protección, en 2015 instalouse un valado ao redor de O Avó.
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural decretou o peche deste espazo natural en xuño de 2024, tras advertir dun elevado risco de caída de pólas e árbores debido a afeccións por fungos e á súa idade. Moitos exemplares presentaban a punta seca, estaban sen ramas ou follas vivas na parte superior da copa, ou tiñan inclinacións importantes e podremias.




