O sinistro produciuse sobre as oito e aló de nove da mañá cando a condutora dun turismo chocou contra o coche dos vixilantes municipais de Xove. Tras o impacto, o vehículo dos vixilantes envorcou no medio da calzada. Posteriormente, o mesmo turismo causante da colisión alcanzou a outro coche que realizaba a manobra de stop na mesma rúa.
Os servizos sanitarios do 061 desprazáronse ao lugar do accidente e trasladaron ao Hospital da Mariña, en Burela, ao vixilante municipal ferido, que sufriu un golpe na cabeza e outro no ombreiro ao envorcar o vehículo. Tamén foi atendida a condutora do coche implicado, que presentaba un estado de nerviosismo e ansiedade.
O accidente tivo lugar no cruzamento da Rúa Camiño Real coa subida ao instituto de Xove. Ata o lugar desprazáronse tamén efectivos de Protección Civil e a Garda Civil de Tráfico para atender a emerxencia e regular a circulación, que se viu afectada na zona debido á aparatosa colisión.
Aínda que o suceso foi aparatoso, segundo as primeiras informacións, o estado de saúde do vixilante ferido non reviste gravidade.




