Alfonso Villares (Cervo, 1970), quen fora conselleiro de Mar, compareceu publicamente nun hotel de Compostela para ofrecer unha declaración sen responder a preguntas dos medios. Esta é a primeira vez que o extitular de Mar se pronuncia dende a súa dimisión o 4 de xuño de 2025, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o informase da súa condición de investigado por unha denuncia presentada en xaneiro dese ano pola expresentadora de televisión Paloma Lago.
O que tamén foi alcalde de Cervo, e que dende entón regresou ao seu posto de veterinario na Consellería de Medio Rural na oficina agraria de Viveiro, toma esta decisión despois de que o 7 de abril a sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña confirmase a falta de “indicios bastantes para procesar” ao exconselleiro por agresión sexual. A sala ratificou así o auto ditado en decembro polo xulgado de Instrución número 2 de Ferrol, que avogaba por arquivar o sumario.
“"Traballarei para restituir a miña imaxe e a miña honra."
Villares confirmou que os avogados da modelo non presentaron recurso contra o último auto, polo que deu por feito que “a investigación está concluída” e o caso queda “arquivado”. Sen revelar se regresará ou non ao primeiro plano da política, afirmou querer “deixar atrás” o que para el foi unha etapa “dun dano irreparable”.
“"Quero intentar recuperar a normalidade da miña vida privada e profesional, reiterando sempre o meu compromiso coa verdade e a transparencia."
O auto xudicial sinalaba que a hipótese de que a modelo puidese ser vítima dun caso de submisión química quedou “contradita por declaracións testemuñais de médicos especialistas e polo resultado de análises, exploracións e probas clínicas exhaustivamente practicadas”. Na rolda de prensa que convocou de urxencia en xuño de 2025 para presentar a súa dimisión, Villares declarouse “absolutamente inocente” e sinalou a súa intención de centrarse en preparar a súa defensa xudicial.




