O autor amosou emoción ao recibir o recoñecemento, que considera "moi sonoro dentro do panorama das letras galegas e máis alá das nosas fronteiras". Rei subliñou a importancia de que o seu nome estea unido a unha figura "tan incríble" como a de Álvaro Cunqueiro, "un gran escritor galego, pero tamén peninsular e europeo".
Con máis de vinte publicacións na súa traxectoria, Luís Rei aludiu ao ilustre mindoniense e á súa cidade, Mondoñedo, lugar onde Cunqueiro escribiu miles de artigos e asinou obras como Merlín e familia ou Crónicas de Sochantres, que lle gañaron un lugar privilexiado na literatura galega e europea.
Sobre a súa novela premiada, ambientada na Pontevedra de comezos dos anos 1950, Luís Rei explicou que narra unha historia de amor entre dúas mulleres que enfrontan barreiras de clase, idade e legais. "É un amor prohibido, disimulado", sinalou, aínda que o peso da novela reside "no amor entre dúas persoas que o viven superando os atrancos sociais". A obra conta con tres protagonismos: as mulleres, África Brea e María Bibiana Mariño, e a propia cidade, que o autor intentou recrear como un espello.
O gañador tamén comentou que ao escribir tenta "facer unha cadea fraternal que nos una a todos", buscando que os lectores se identifiquen "polo menos cunha parte" das súas personaxes, xa que ler "é ampliar o mundo noso de todos os días no presente, pero tamén cara atrás e cara adiante".
No acto tamén interviron outras autoridades e persoeiros. O coordinador do museo de Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo, repasou a traxectoria do autor, mentres que o concelleiro de Cultura, Alberto García, leu a acta do xurado. Agradeceu tamén o papel da editorial Galaxia, referente na literatura cunqueiriana.
O director literario de Galaxia, Marcos Calveiro, tamén participou no evento, e a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias da Xunta, Sandra Vázquez, clausurou o acto. Ao evento asistiron tamén a deputada nacional Cristina Abades e representantes da cultura como Ramón Reimunde ou Julia Labrador.




