A profesora Eva Santos Sánchez-Guzmán, recoñecida catedrática de Escultura na Universidade de Murcia, atópase estes días en Burela inmersa nun proxecto de investigación financiado polo ministerio. O seu traballo céntrase nas prácticas artísticas colectivas que fomentan a inclusión social, e a alfombra floral burelesa converteuse nun obxecto de estudo principal.
Santos, que coñece Burela dende hai dúas décadas grazas á súa familia, viu na elaboración da alfombra floral un exemplo perfecto de como a comunidade sostén e impulsa estas manifestacións artísticas. "Paréceme bonito como xurdiu en Burela a alfombra floral, o sentido comunitario, a elección dos motivos... todo o que conleva", sinala.
Durante a súa estancia, a investigadora participou activamente nos preparativos, aprendendo a "picar o verde" coas veciñas e reuníndose con Martín Lestao, presidente da asociación Burela Floral, para coñecer os materiais empregados. Tamén explorou a historia da tradición a través da biblioteca local, analizando programas festivos e convocatorias antigas que animaban á participación veciñal.
Santos tamén amosou interese pola diversidade de nacionalidades en Burela e planea investigar como a elaboración das flores pode servir como ferramenta de integración para persoas de diferentes orixes, un aspecto que aínda debe profundar.
A investigación, que se prolongará ata o día 9, tamén terá en conta outras alfombras florais a nivel nacional e internacional, especialmente en Italia, onde existe unha asociación que agrupa diversas localidades con esta tradición. A profesora prevé presentar os resultados nun congreso académico, subliñando o valor da creatividade compartida e o encontro humano fronte á intelixencia artificial.
Aínda que a tradición en Burela ten un compoñente relixioso, Santos considera que tamén posúe unha forte carga de festa popular, vinculada á primavera. Este ano será a primeira vez que poida presenciar a alfombra o día da súa exhibición, xa que adoita vir á localidade noutras épocas do ano.




