O ministerio fiscal reclama un total de seis anos de cárcere para un home acusado dun delito de roubo con violencia e intimidación, e doutro de lesións, tras roubar a unha muller de 90 anos nunha rúa do centro de Burela. A petición inclúe tamén inhabilitación para o dereito de sufraxio pasivo.
Ademais, a Fiscalía solicita unha indemnización para a vítima de 7.708 euros polas lesións e o prexuízo da intervención cirúrxica, máis 1.460 euros derivados da mesma operación e 5.356 euros por secuelas. O escrito fiscal sinala que esta cantidade se calcula conforme ao baremo de tráfico e debe incrementarse nun 20% por ser lesións dolosas. Tamén deberá indemnizar ao Sergas polos gastos de asistencia médica e 205 euros á vítima polo diñeiro e o móbil subtraídos, que non foron recuperados.
Os feitos ocorreron o pasado 20 de xullo de 2024, cando o acusado, "actuando de maneira sorpresiva aproveitando a súa superioridade física", abordou á muller mentres camiñaba "sola e desprevenida" pola Rúa Emilia Pardo Bazán de Burela. Segundo o relato fiscal, arrebatoulle o bolso cun tirón, provocando que a muller caese ao chan e fose arrastrada para lograr o roubo. O acusado fuxiu correndo.
A vítima sufriu unha fractura da cadeira esquerda que requiriu intervención cirúrxica e lle deixou secuelas. O bolso, que non foi recuperado pola Garda Civil, contiña 170 euros, un teléfono móbil valorado en 54,90 euros, cartón sanitario, DNI e outros contactos. A celebración do xuízo está prevista para este martes nos xulgados de Lugo.




