O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, participou hoxe na presentación da Festa dos Chóferes de Alfoz do Castrodouro, que este ano conmemora o seu 60 aniversario. A celebración, organizada pola asociación cultural xuvenil O Castelo co apoio do Goberno galego, terá lugar dende este xoves ata o domingo.
Villares salientou "a traxectoria e a proxección" do evento, felicitando "á veciñanza, que a mantivo viva xeración tras xeración ata convertela en parte da súa identidade e nun recurso que promove o turismo no municipio".
O acto principal da festa está programado para a mañá do domingo, 2 de agosto, a partir das 12:00 horas. Incluirá unha procesión de vehículos polas parroquias, unha misa e a bendición dos coches, ademais da entrega de premios ás mellores categorías. A organización habilitou unha carpa con mesas e zona de acampada para os asistentes durante as catro xornadas festivas.




