O delegado territorial de Lugo, Alfonso Villares, explicou que esta carreira é unha das probas preparatorias e clasificatorias que se están celebrando en distintos municipios galegos. A seguinte terá lugar o 28 de novembro no campamento da Devesa, en Ribadeo, e a final provincial está prevista para o 13 de decembro, tamén na Devesa.
O programa Xogade, desenvolvido pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta, conta cunha gran aceptación entre os máis novos, superando os 7.000 participantes o pasado curso. O cross é unha das modalidades con maior demanda, xunto co baloncesto, o atletismo en pista, o fútbol sala ou a orientación.
O Goberno galego financia os seguros deportivos, os custos de organización, arbitraxe e transporte para as actividades de Xogade, coa colaboración de centros educativos, clubs e outras entidades de deporte de base.
O VII Cross Os Castros, impulsado polo Club de Atletismo Ría de Foz, inclúe tamén unha andaina e unha carreira de categoría absoluta de 6 quilómetros. As distancias para os participantes de Xogade varían entre os 300 metros e os 2.000, segundo a idade, e a saída e meta sitúanse no campo de fútbol de Cangas de Foz.




