O xurado do concurso, que cumpre coa tradición de editar un almanaque con achegas cidadás, reuniuse nas últimas semanas para analizar as propostas. As fotografías debían ser tomadas no termo municipal da Coruña e destacar o seu patrimonio cultural, histórico, natural e paisaxístico, valorándose a calidade técnica e a orixinalidade.
O xurado estivo composto polos fotoxornalistas César Quián, Carlos Pardellas e Xabier Quintana, xunto a Andy Pérez, responsable de fotografía do Concello. Tamén participaron a alcaldesa, Inés Rey, e os membros da corporación Nereida Canosa, Roberto Coira e Francisco Jorquera.
Ademais das 13 imaxes seleccionadas (12 para os meses e unha para a portada), o almanaque incluirá fotografías históricas da cidade. A frase que encabezará o calendario será 'A Coruña, luz do Atlántico'.
As persoas gañadoras recibirán un lote de libros de fotografía e un ano de acceso gratuíto aos Museos Científicos Coruñeses. As imaxes seleccionadas son de Eduardo Mosqueira (portada), Chencho Mendoza (xaneiro), Daniel Martí (febreiro), Jéssica Dopico Tuimil (marzo), Carlos Briones Bioslada (abril), David Couce (maio), Manuel Candal (xuño), Saturio Maderuelo (xullo), Xabier R. Blanco (agosto), Xoan Eiras (setembro), Rosa Cagiao Pérez (outubro), Óscar Ferreiro (novembro) e Daniel López Cao (decembro).




