Desde o xoves 16 de abril de 2026, as aves de curral en concellos como Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia xa poden estar en liberdade. Esta decisión do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación supón a flexibilización total das medidas preventivas contra a gripe aviar en todo o territorio español.
A medida, formalizada mediante unha orde ministerial publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE), elimina a obriga de manter as aves confinadas nas explotacións e a prohibición de concentracións de aves de curral. Estas restricións foran establecidas pola Orde APA/1288/2025, do 11 de novembro.
“"A eficacia destas actuacións reflíctese en que desde a súa entrada en vigor só se rexistraron dúas granxas afectadas na provincia de Lleida, en decembro de 2025 e xaneiro de 2026, a pesar do elevado número de casos detectados en aves silvestres nos últimos meses."
Aínda que se levanta o confinamento, o Ministerio subliña a importancia de manter e reforzar as medidas de bioseguridade en todas as explotacións avícolas. Recoméndase evitar o contacto con aves silvestres e intensificar a vixilancia tanto en granxas como na fauna salvaxe, ademais de comunicar calquera sospeita de enfermidade aos servizos veterinarios oficiais.
España mantén desde febreiro de 2026 o status de país libre de influenza aviar, concedido pola Organización Mundial de Sanidade Animal (OMSA), o que garante a ausencia de restricións no comercio de aves e produtos derivados a nivel nacional e intracomunitario. O Ministerio tamén aclara que o virus non se transmite aos humanos a través da carne de ave ben cociñada ou os ovos, pero aconsella evitar o contacto innecesario con aves que mostren síntomas ou aparezan mortas no campo.




