A Asemblea do Padroado do Museo do Pobo Galego, unha das institucións culturais máis importantes de Santiago, aprobou o inicio dun proceso para reforzar a súa estrutura organizativa e adaptala aos retos actuais. Neste contexto, Concha Losada, ata agora presidenta do Padroado, anunciou que non continuará á fronte da institución nesta nova etapa.
Losada expresou o seu desexo de "favorecer a incorporación de novos perfís ao proxecto nun momento especialmente propicio". Continuará vinculada ao Museo do Pobo Galego como membro do Padroado e como coordinadora do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), ademais de colaborar no proceso de transición.
A decisión prodúcese no marco da renovación do Consello de Goberno, tras non rexistrarse candidaturas na convocatoria electoral. Ante esta situación, a Asemblea acordou dar continuidade ao actual Consello de Goberno de maneira temporal, ata finais de 2027, para garantir o funcionamento ordinario e impulsar axustes organizativos nos estatutos e no Regulamento de Réxime Interno.
Estas adaptacións buscan mellorar o funcionamento do Padroado e do Museo nun contexto social e institucional cambiante, reforzando a súa capacidade de xestión e a súa proxección de futuro.
Paralelamente, o Museo do Pobo Galego prepara a conmemoración do seu 50 aniversario, un fito que se prevé como unha oportunidade para reforzar o seu papel na conservación, estudo e difusión do patrimonio cultural galego.




