O Concello de Oleiros ven de habilitar un estacionamento provisional nunha parcela municipal para dar resposta á problemática do aparcamento para os usuarios do centro de saúde da Covada. Esta nova zona de estacionamento tamén estará dispoñible para os familiares dos alumnos que acoden ao colexio de Educación Primaria A Rabadeira.
Segundo informaron fontes municipais, tamén se deseñaron itinerarios peatonais específicos para facilitar o acceso tanto ao centro sanitario como ao educativo. Estas actuacións realízanse no marco das obras de urbanización que se están a executar na área.
Estas obras de urbanización incrementarán o patrimonio municipal en aproximadamente 30.000 metros cadrados, entre a rotonda das tinajas e a piscina. Máis da metade da superficie na que se está a traballar pasará a ser de titularidade pública.
O Goberno local, presidido por Ángel García Seoane, sinalou que esta intervención permitirá unha mellor ordenación dos accesos ao centro de saúde, facilitando a mobilidade e creando novas prazas de aparcamento. Ademais, prevese a habilitación de novas zonas verdes para incrementar os espazos de lecer ao aire libre.
As mesmas fontes engaden que, dentro desta futura superficie pública, reservarase unha parcela para ampliar a zona de recreo do colexio, co obxectivo de mellorar as instalacións educativas e recreativas para o alumnado.
A actual urbanización tamén permitiu obter de forma anticipada os terreos necesarios para a construción do centro de saúde e posibilitou a apertura da circunvalación do núcleo de Oleiros, unha infraestrutura clave para a mobilidade municipal ao conectar directamente coa Vía Ártabra.
Desde o Concello de Oleiros subliñan que con esta actuación "reforza a súa aposta por un crecemento urbanístico ordenado e orientado á creación de novos espazos públicos e á mellora dos servizos e equipamentos para toda a cidadanía".




